Sunday 05 de May de 2024

Brión celebra este domingo 1 de marzo o seu Concurso de Disfraces, que repartirá 2.760 € en premios e pechará o Entroido na comarca


 

As inscricións están abertas ata o 27 de febreiro na Casa da Cultura: 981 509 908

O Concello de Brión convoca o seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá 2.760 euros en premios e terá lugar o domingo 1 de marzo, poñendo así o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelá. O prazo de inscrición está aberto ata o 27 de febreiro ben en persoa (na Casa da Cultura de Brión), ben no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Todos os participantes no concurso terán a obriga de participar no desfile de Entroido que, se o tempo o permite, sairá o domingo 1 de marzo, ás 16:30 horas, da Carballeira de Santa Minia e percorrerá as rúas de Pedrouzos ata o Pavillón Polideportivo Municipal, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces. Os participantes estarán acompañados un ano máis pola música da charanga Os Celtas de Negreira. Unha vez finalizado o concurso, a orquestra Principal amenizará a Festa de Entroido, que se prolongará ata ben entrado o serán.

Os dorsais poderán recollerse entre as 15:00 e as 16:30 horas na Carballeira de Santa Minia. Se o tempo acompaña, todos os participantes sairán en desfile. Se chovese, os participantes concentraranse directamente no polideportivo.

Categorías

As bases do concurso, que se poden consultar na web municipal (www.concellodebrion.gal), establecen cinco categorías que se repartirán 2.760 euros en premios (se ben nas categorías infantil e xuvenil serán vales canxeables por libros, xogos ou material escolar). A novidade deste ano é que nas Categorías Infantil (menores de 11 anos) e Xuvenil (de 12 a 17 anos), haberá dúas modalidades: individual e parellas, pasando de entregarse 5 premios por categoría a 6 premios, tres por modalidade. En ambos casos entregaranse tres premios de 70, 60 e 50 euros na modalidade parellas; e 50, 40 e 30 euros na modalidade individual.

Na Categoría de Adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con tres premios de 100, 70 e 40 euros; e parellas, con premios de 140, 100 e 60 euros. Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas) haberá dúas modalidades: infantil/xuvenil, con tres premios de 140, 100 e 70 euros; e adultos, con tres premios de 180, 140 e 100 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse cinco galardóns de 260, 225, 175, 150 e 100 euros. Un ano máis non haberá Categoría de Carrozas, debido á escasa participación rexistrada en edicións anteriores.

O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o lucimento do traxe sobre o escenario do pavillón polideportivo, onde os concursantes terán un tempo de 3 minutos (individuais ou parellas), 5 minutos (grupos) e 8 minutos (comparsas) para facer as súas presentacións.